Pedra, Lendas e Acuarela: O meu novo fogar na Capital da Arte Rupestre
En primavera de 2025 publicamos varias entradas neste blogue sobre petróglifos: características formais, titoriais de pintura e a nosa interpretación artística do petróglifo de “A Laxe das Lebres“.
Contábavos como, despois de visitar en Pontevedra a Área Arqueolóxica de Poio (por tricentésima vez), pasei de estudar sobre arqueoloxía formal dos petróglifos,
a pintalos en acuarela no meu estudio.
Tamén, inspirada por un colega que me pedía máis cor nos meus deseños, ocorréuseme dar un paso máis aló e crear a personaxe dun cervo que emerxe das augas e que se reflite a sí mesmo mirando á lúa. O cervo de A Laxe das Lebres pero aínda sen nome e sen, prácticamente, historia.
Na verdade, aquela ilustración só pretendía ser a primeira peza para unha colección de roupa ilustrada: un traballo puramente estético que tiña como obcetivo que os galegos e galegas leváramos con orgullo Arqueoloxía Galega no noso día a día, pero que aínda non rematei. (Pero hei de retomar esta serie de ilustracións de petróglifos porque mola moito!)
Porén, cara o verán, sen eu poder evitalo, aquel cervo colleu vida propia; converteuse aos poucos nunha mini historia ilustrada de dous cervos que miraban á lúa no Monte Tomba.
Para a miña sorpresa, entrou en escena baixo o meu lapis tamén unha personaxe nova: unha nena chamada Moura que, dalgún xeito —e ata o que sabía nese momento—, ía introducirnos no mundo da Mitoloxía Galega. Comecei a darlle forma e personalidade, pero aínda non sabía cal era o seu papel en todo isto.
Publiquei estes traballos só en Redes Sociais pero todavía non tiña clara a misión desta nena artista.
Ademáis estaba metida noutro proxecto vital: decidín continuar o meu percorrido artístico dende outro lugar afastado. Lonxe da cidade, preto da Mitoloxía Galega: no rural galego.
Mais non en calquera sitio. Nin máis nin menos que na Capital da Arte Rupestre: Campo Lameiro!
Tamén Capital do Turismo Rural en España!
Agora vivo nunha casa de máis de 100 anos, na fronteira entre o presente e un pasado que se nega a ser esquecido. Aquí as lendas galegas non son historias escritas nun libro académico… son algo que se sente nas pedras, na néboa da mañanciña e nos ollos dos animais que cruzan o meu camiño. Por iso decidín chamar ao meu novo fogar “A Casa das Lendas”.
Esta casa ten un aquel máxico que está inspirando toda a miña obra artística.
De feito, comezáronme a chegar ,desde que me mudei, flashes de escenas da vida de Moura. Comecei a escribir sobre estas historias e todo o que ela me ía contando. Ata que pasou algo moi especial.
E, de súpeto, todo comezou a ter sentido: os cervos, a mitoloxía… ela.
A nena de verdade
Resulta que hai un rapaz de 12 anos que vive na casa do lado (non digo o seu nome por razóns obvias).
Unha tardiña, eu estaba falando cos seus pais, cos que tamén me levo moi ben, e comenteilles que eu era artista. Notei como se lles abrían os ollos: “ti tamén es artista?” —preguntaron. Entón confesáronme que o seu fillo tamén o é.
Dende aquela, o pequeno artesán ensíname as súas creacións: xoguetes, marionetas e bonecos que fai con todo tipo de equipamento, incluída a enxeñaría robótica (sí, é un verdadeiro xenio; non só pola idade, senón porque ten un talento innato).
Entrando en confianza, eu tamén lle ensinei algún dos meus traballos e faleille algo sobre Moura e os cervos. Nunca imaxinei que o día de Nadal me regalaría un boneco orixinal de Moura feito en por el en fieltro!
E esta é a historia de como Moura, a nena artista, chegaría en persoa a mín para deixarme máis claro que debo contar a súa historia.
Co seu permiso, vouvos contar as súas aventuras!
"O aire aquí cheira a pedra antiga. Creo que estou no lugar correcto." —
M. Tweet















